Xacarandaina e Quique Peón Cía presentan o sábado 29 de abril en Pontevedra o espectáculo ‘O Poder do Arcabuz’, o musical que recrea a Revolución Irmandiña que tivo lugar en Galicia na Baixa Idade Media. Trátase dun espectáculo que combina música e danza (tradicional e contemporánea) en gran formato, con case un cento de artistas no escenario: 33 bailaríns, 24 músicos e 40 persoas no coro.
A obra poderá verse o 29 de abril (20.00h) no Pazo da Cultura de Pontevedra ao prezo de 16/14 euros. O espectáculo “é unha proposta tradicional e vangardista ao mesmo tempo”, explica Peón, “trátase dun espectáculo ambicioso, un proxecto apaixoante e arriscadísimo, con cen artistas en escena, froito dun empeño moi especial en poñer en valor as nosas músicas e as nosas danzas”.