“Endaterra” é o título do novo espectáculo, que imos comezar a montar, no Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina.
Con el queremos poñer en valor a variante do Camiño Inglés, entrando polo porto de A Coruña até Santiago de Compostela, seguindo camiño até a súa prolongación natural: Fisterra-Muxía.
Esta obra estará dirixida por Quique Peón axudado polos seus colaboradores habituais na dramaturxia da obra, composición musical, deseño de luz, deseño de espazo sonoro e escenografía.
Será un marabilloso percorrido polo patrimonio inmaterial de 18 concellos, unha ruta cultural chea de lendas, misterios, paisaxes e tradicións. Un percorrido por 170km que nos valen de escusa para poder amosar o folclore dunha das zonas de Europa máis singulares e interesantes.
Xacarandaina, como en outras ocasións, quere brindar a oportunidade de participar a todas e todos as e os que queiran formar parte do elenco de “Endaterra”.
De bailadora, bailador, pandereteira, gaiteiro/a, percusionista, de músicos/as para a charanga tradicional (calquera instrumento), ou no coro (en calquera das súas catro cordas) podes participar e se precisas saber máis para decidirte: convocámoste a unha reunión o mércores 12 de febreiro ás 21:00h nos locais do Centro Coreográfico Galego. Complexo deportivo de Elviña, praza de Agustín Díaz Sánchez s/n.